Mostrando entradas con la etiqueta comezo do curso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta comezo do curso. Mostrar todas las entradas

miércoles, 12 de agosto de 2015

Outra anécdota sobre os párvulos

Unha nena, veciña inmediata da miña casa, comezou a súa escolaridade cun grupo de nenos alá polo ano oitenta e oito. Tiña xa dúas irmás matriculadas en cursos superiores e polo instinto de imitación que teñen os rapaces facía tamén os seus deberes xa desde pequerrechiña e estaba a desexando que fose grande para poder ir á escola. Ríase moito cando lle contaban que ía chorar cando empezase o primeiro día de escola. Dicía que ela non choraría.



Pero todo chega na vida e chegou a ser “grande” e empezou na escola de párvulos.

Como xa lle coñecía as intención desta nova parvuliña presenciei o seu comportamento nos momentos da entrada. E chorou, chorou desconsoladamente.

Cando chegou á casa súa nai decatouse que viña cos ollos vermellos de chorar.

- Pero meniña, ti non dicías que non ías chorar  e choraches coma todas?

- ¡Pero, mamá, como non ía chorar se choraban todas!

sábado, 8 de agosto de 2015

Escola de párvulos

Quedaron fortemente gravadas na miña memoria estas escenas do comezo do curso polo seu encanto e inxenuidade. 

Primeiro días de setembro. No patio do colexio vese un grupo de nenos agarrados fortemente ás súas nais; ollos chorosos e cara de asustados. As nais tratan de animalos, pero coido que tamén había que animalas a elas. Era a primeira vez que o seu fillo saía a un mundo novo. Era a primeira vez que ese fillo xa non lle pertencía a ela soa, pertencía tamén á sociedade.

Soa o timbre de entrada. Os párvulos xa veteranos entran todos ledos e parolan cos compañeiros do ano anterior.

Os novos non queren entrar: Choran, berran e abrázanse a súa nai. A mestra de párvulos, veterana nestas escenas, manexa admirablemente esta situación emocional dos cativos. Fálalles con cariño, cólleos da man e vainos sentando nas súas cadeiras.

Parece que todo volve á calma, que todo se acouga pero o problema pasa agora ás nais que, tamén chorosas, queren despedir de novo ós seus fillos. Polas ventás do local  saúdan de novo e coas mans mándanlle bicos e apertas.

Os asustados nenos, ó ver ás súas nais, renovan os choros e queren saír para fóra. Outra vez, co seu bo facer, a mestra impón acougo e todo se pon a ben.

Terminada a clase, as nais están á espera todas cheas de angustia polos sufrimentos que pasarían os seus fillos.

Saen os nenos todos ledos, tanto os veteranos coma os novizos que empezaron outra vida social. Estes nenos que á entrada choraban e pateaban, contan as súas nais cheos de ledicia as aventuras das súas primeiras experiencias como escolantes.