Un caloroso día do mes de xuño tres rapaces, que aínda non había dúas horas saíran da escola da tarde, chaman á porta. Traían un raposo pendurado nun pau polas pernas. Era unha boa peza que, o matara o pai dun deles cando tentaba entrar no galiñeiro.
O raposo é o peor inimigo que teñen as galiñas cando andan soltas polas eiras. Non só matan unha para comela senón que matan de cote e soterran as que non dan comido á espera de que lle quede libre o papo para ilas comendo pouco a pouco ata nova cacería.
Polo tanto, raposo que se mata, galiñas que seguirán vivas poñendo ovos ou terminando no pote do caldo. Por iso era costume que, cando se mata un raposo, o cazador fai entrega del aos rapaces para que vaian pola aldea pedido ovos. A xente dállelos con moito gusto pois un raposo menos supón moitas galiñas máis.
Días despois, comentando esta petición de ovos para o raposo co meu amigo de porta o Sr. Manuel “O Ferreiro”, só me dixo unha frase coa súa cara raposeira – e perdoen a comparación - que por entón non lle collín o seu contido profundo.”Mal lle vai ó raposo cando anda ós ovos”. Pasado algún tempo volvín a recordar a frase e pensando nela busqueille un posible significado no sentido de que un raposo cando se ve famento busca comida aínda que só sexan ovos de pita. Noutra ocasión tratei co Sr. Manuel o conto do raposo e pregunteille qué quería dicir esa frase. Mirou para min con cara do que era e díxome: “Cando un raposo vai morto pendurado dun pau e os rapaces piden ovos, para él, ¿cómo lle vai ó raposo?
Pero volvamos aos rapaces que pedían ovos para o raposo. Levaron os ovos que pedían e tamén levaron cinco pesos pola venda do raposo; prezo que acordamos despois dun longo trato. Leveino a un curtidor, sacoulle a pel e despois de curtila adornou a sala da casa.

No hay comentarios:
Publicar un comentario