domingo, 22 de noviembre de 2015

O ensino da relixión


O ensino da relixión limitábase case exclusivamente á memorización do catecismo do Padre Astete que, coa súa metodoloxía de preguntas e respostas, era o texto oficial da igrexa para o ensino da formación relixiosa. Con este sistema se formaron todas as xeracións de nenos desde o século XVI.

En moitas escolas a primeira faena da mañá era a de estudar unhas preguntas do catecismo, recitalas moitas veces en viva voz ata que se memorizaba. O mestre “tomáballe a lección” e se a sabía, pasaba a outra pregunta. Isto sen posteriores comentarios ou aclaracións.

Había algunhas preguntas de difícil memorización polo extensas da mesma, pero todo se arranxaba. O rapaz repetía erre que erre a pregunta ata que a sabía. Faena moi doada para os nenos pola súa capacidade de memorización.

Esta memorización facíase xeralmente a viva voz coa súa cadencia musical propia. Desta maneira a aprendizaxe quedaba gravada para sempre nos recunchos da memoria.

Pregunten vostedes a algunha muller de máis de setenta anos que fose “culturizada” nestas escolas, que lle responda a calquera pregunta da “Cartilla”; contestaralle sen fallar nin en unha letra. Por outra banda, o máximo que se podía aspirar  nesta materia era que se chegase a saber de memoria toda a “Cartilla”, e son moitas as mulleres que poden facelo aínda, pois saben o catecismo “de pe a pa”. Poderiamos dicir delas que xa son doutoras da igrexa ao nivel de formación primaria.

Esta “Cartilla”, ademais dos apartados de teoloxía e moral, contiñan  nocións de liturxia e toda unha serie de oracións a Deus, a Xesucristo á Virxe e aos santos. Tamén  das instrucións para a práctica do rosario e o diálogo da misa entre o celebrante e o monaguillo,  naquel tempo en latín.

Teño ante min un exemplar do “Catecismo de la Doctrina Cristiana” polo P. Astete, impreso no ano 1957, con censura eclesiástica en Santiago o 28 de maio de 1936 “por mandato de su Excia. Revma, el Arzobispo, mi señor”- Licdo Miguel Fernández, Canciller”.

Vémonos na obriga a facer unha sinxela semblanza deste teólogo para maior claridade do tema.

O Padre Gaspar Astete, S. J era natural de Burgos e exerceu como mestre de novicios do convento de Salamanca e chegou a ser reitor da súa universidade. Gozaba fama polos seus coñecementos de teoloxía e moral e durante moitos anos dedicouse ao labor de facer unha síntese da doutrina pero non chegou a ver publicada esta obra pois morreu no ano 1541 e a primeira edición deste catecismo foi editada  no ano 1599.  Ata a actualidade van publicadas máis de setecentas edicións.

O que temos que admirar desta obra é  o seu prodixioso labor de síntese pois en menos de dúas ducias de páxinas de pequeno formato en que está impresa, resume dunha maneira extraordinaria toda a teoloxía e a moral católica; recolle, tamén resumida, a doutrina dos grandes teólogos e moralistas, e dos Pais da Igrexa de todos tempos. Inclúe ademais unhas curtas nocións sobre a liturxia da igrexa e as oracións principais da devoción.

Pero esta extraordinaria labor de síntese non lle di nada aos nenos pois para eles carece de sentido toda unha serie de definicións da doutrina que non a entenden e só se quedan coa letra acompañada da melodía propia de cada pregunta.


Outra materia a memorizar era a Historia Sagrada, libro que servía ademais de práctica de lectura.