domingo, 6 de septiembre de 2015

Os lobos na aldea

Ata ai alomenos sesenta anos, nas terras de Os Bolos da provincia de Ourense, os lobos atacaban con moita frecuencia aos animais que pacían libremente ou baixaban as aldeas en procura dun bo bocado.

As nevadas nestas alturas son moi frecuentes. Lémbrome de estar dúas semanas enteiras nevando de cote con farrapas tan grandes coma a palma da man.

Todos coñecemos o ruído que mete a choiva cando peta no chan, nas tellas e máis aínda cando cae sobre as follas das árbores no verán. Pero moi distinto é o seseo suave, continuo da neve ó caer. É un ruído case imperceptible pero que o invade todo e que se oe por tódalas partes.

Cando o silencio da noite chega a aldea, aumenta o seseo e, se fai algo de vento, a neve atravesa os cristais lañados , pasa a traveso das paredes das casas feitas con pedra miúda e vaise amoreando dentro delas. Este seseo só é interumpido polos ouveos dos cans. Ladra o can do veciño, respóndelle o de máis alá, ata que un coro de máis de sesenta cans atordan ós pobres dormentes. Nos intervalos da serenata, o seseo é continuo, incansable.

Ás veces, os cans calan de súpeto. Entón o silencio co seseo de fondo é impresionante. Xa sabémo-lo motivo: é o lobo que anda pola aldea en procura dun bocado.

As cortes das vacas, ovellas e porcos están ben pechadas e non hai maneira de que o lobo poida facer o seu menú. Entón busca un bocado máis doado: un par de cans. É curioso que os cans, ó vérense atacados polo lobo, non foxen, non se laian, parece como se quedasen paralizados polo terror. Ó día seguinte os rapaces traen a nova á escola: o lobo comeu o can de Xe de Orosa e o de María a Moina. Na aldea xa é moi coñecido o silencio dos cans: anda o lobo de caza.

Lémbrome dunha vez que baixou o lobo a aldea. Ó día seguinte as súas pisadas estaban marcadas arredor da miña casa e chegaban ata a porta, que por certo estaba sen pechar, sempre durmía con ela aberta.

Non é certo que o lobo ataque ó home sen máis. O lobo anda á súa vida e ataca só aquilo que poida formar parte do seu menú. Pero hai unha excepción. Se unha manada vai detrás de unha femia en celo, pobre do que tropece con eles porque esgázano. ¿Será que consideren o home coma un pretendente máis que vai tamén tras a femia en celo?

No hay comentarios:

Publicar un comentario