miércoles, 2 de septiembre de 2015

As conversas


Durante os dous anos que estiven destinado nesta parroquia dispoñía de tempo para todo. Despois de cumprir cos meus deberes profesionais, de facer de médico rural, poñendo inxeccións, facendo curas ou diagnosticando enfermidades de pronóstico doado e redactando algunha que outra escritura, aínda me quedaba tempo para parolar cos meus veciños.

Claro está que case todos eles eran xubilados e sen as forzas necesarias para desempeñar o traballo agrícola. Tódalas persoas útiles, homes, mulleres e rapaces dedicábanse ás duras tarefas do campo.

Polas tardes, sentados ao sol ou á sombra, segundo andase o día, falabamos das cousas da vida e das súas inquedanzas. Pero ao principio custoume traballo adaptarme a este tipo de conversa repousada, reflexiva, as veces cazurra, pero moi axustada e chea de contido. Eu estaba habituado a unha conversa rápida, áxil, a medias palabras. Pero para entrar de cheo no encanto das conversas destas xentes tiven que trocar de esquemas mentais e introducirme psicoloxicamente no desenvolvemento dos pensamentos expresados oralmente coa reflexión e pausas destes meus amigos. Cando fan unha pregunta leva moita miga, e cando dan unha resposta non ten volta.

Outra característica moi curiosa nestas xentes,  principalmente nos homes, era o sistema que tiñan de faceren preguntas; pero non lles levaba un sentido ou afán de curiosidade ou de ansia de saber, senón pola retranca de colleren ao mestre nunha falta de información ou de ignorancia na contestación da mesma.

Unha premisa constante neste tipo de preguntas, na que eles xa cavilaran moito tempo antes de facela, era: “Sr Mestre, vostede que é un home estudiado,  ¿poderíame dicir”?... e céibanche a pregunta da que por suposto coñecían a resposta. Eu contestaba como mellor podía pero deixaba tamén algo sen  contestar para que o meu amigo quedase satisfeito no seu orgullo, e os dous, compracidos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario