viernes, 25 de septiembre de 2015

O Trotamundos


Pasaba tódolos días por diante da miña casa; nunha man, a vara co aguillón na punta e na outra, a corda incida nos cornos dunha parella de bois que turraban dun carro cargado de toros de pino. Desde facía un anaco xa  me decatara do paso do carro de Xosé pois as cantareiras dos eixos anunciaban en si bemol o camiñar mansiño dos animais, e os berros e xuramentos do carreteiro daban fe de que a marcha do carro non ía tan axiña como  desexaba.

Herdou o oficio de carreteiro do seu pai. Dedicábase a levar a madeira ata o próximo serradoiro. Vivía só, non tiña vida social e nunca saíra da súa aldea e non coñecía máis mundo co que el percorría co seu carro.

Era un bo home; gozaba do meu aprecio e admiración. Hai uns anos leveino a Santiago no meu coche. Todo en él era admiración porque estaba vendo novas terras, outras vilas e outras xentes. Cando chegamos Santiago, botou unha desas frases que só as dedicaba ós bois nos intres de grande noxo, e con moita filosofía rematou: “por iso...que grande é o mundo”.

Co tempo trocou o carro de bois polo de cabalo e a vara do aguillón pola tralla e dedicouse levar hortalizas ás feiras. A velocidade do cabalo era un pouco máis rápida que o paso lento dos bois pero aínda ás veces había que  animalo: un suave trallazo, un florido xuramento e un “arre, cabalo” dando dúas couces no chan do carro acompasadas co berro.


O amigo Xosé, moderado nos seus gastos e moi aforrador, chgou a comprar un autobús que facía o recorrido Cruces-Santiago. Era dono do coche, pero non o condutor, pois non chegaba a tanto a súa habilidade; facía de revisor. Naquel tempo era escasa a gasolina e os coches levaban coma unha chepa a caldeira de gasóxeno para producir o gas pobre..A potencia do coche era moi pouca e nas costas arriba case  había que puxalo. O noso Xosé, cando o autobús daba sinais de parar nunha costa, inconscientemente trocaba o oficio de revisor polo de cocheiro de cabalos.doutros tempos Soltaba dúas fortes couces no chan do coche e berraba: “ARRE... CABALO”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario