sábado, 5 de diciembre de 2015

A industria do carro


O título diste capítulo non é o máis apropiado pero por algo teño que empezar o relato. Trato de describir o desenvolvemento da única actividade industrial nunha illada aldea preto de Pena Trevinca. Refírome á construción de carros. Ben; aclaremos; trátase de carros de dúas rodas e turrados por un par de vacas ou de bois. A nave industrial, a casa de Manuel de Andrea. Maquinaria: dúas aixolas, macheta, serrón de aire, serrón de man, un trade, martelos e pouco máis. Obreiros, só o Manuel para os labores ordinarios e coa axuda dos veciños en traballos que o requiran.

O que lle da valor a este relato ten máis relación coa resistencia que ten que soportar o vehículo –perdón pola fineza do nome– pois calquera outro carro feito nestas nosas terras non soportaría o trasteo que impoñen as corredoiras daquelas terras pois en menos de cen metros de andadura quedaría desfeito en pequenos anacos. Pero a parte máis resistente do carro ten que ser a das rodas. O aro ou pletina de ferro que rodea a madeira do círculo do aro está feito dunha peza soa e entra tan xustiño da roda interior de madeira que xa non hai maneira de que saia para fóra. Tiven ocasión de ver a manobra de introducir o aro na madeira e admiroume a elegancia e o sinxelo que é a operación.

Xa o carro feito e a punto de iniciar as súas andaduras, sométese ao son ou xemido que emite o eixo do carro contra as cantareiras. Este industrial do carro era  o que mellor son lle daba o son máis cantareiro e por este motivo, os carros de Manuel xa se coñecín polo seu cantar en toda a bisbarra.

Nestas terras o cantar do carro ten unha razón funcional no traballo. Case sempre o carro camiña con máis dunha xugada e as veces a parella primeira non ve nin sente as últimas. Os bois non senten cando o carro anda ou esta parado. Entón aquí está o indicador do movemento: se o carro canta, está en movemento; se non senten o cantar  por experiencia saben que vén axiña a aguillada que lle crava na pel ata os ósos. Entón turran polo carro ata que sintan de novo o canto dos eixos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario