sábado, 19 de diciembre de 2015

Os lobos saen de caza


Era a mediados de xuño cando coñecín a cacería máis carniceira de ovellas que fixeran os lobos nesta comarca.

Dous pastores ós que naquela semana lles correspondía o turno de levaren un rabaño de ovellas ó monte, cansados de durmir case toda a semana no monte, acordaron deixalo nun redil que consideraban moi seguro. Constaba dun cerrado con valo de tres metros de alto e un portelo moi estreito.

Á mañá seguinte, cando os dous pastores chegan ó redil para seguir co pastoreo, encóntranse cun espectáculo terrorífico. Dentro do redil víanse só vinte ovellas que atemorizadas pastaban intactas. Trinta máis balaban penosamente triscadas na gorxa pola que lle saía o aire da respiración. As outras cento e pico estaban mortas e amontoadas a carón do valo de redil.

Segundo o parecer dos veciños, só foron dous lobos os que fixeron esta carnicería. O lobo, cando encontra presa doada, ten o instinto de matar aínda que non estea famento.

Como non podían subiren polo valo para escaparen amontoaron as ovellas mortas facendo rampla contra o valo e por ela subiron e escaparon. Para a súa comida só levaron dúas ovellas.

Lémbrome dos laios das mulleres que viñan do monte coas ovellas no colo triscadas na gorxa e respirando penosamente.

Despois da escola da tarde e cun calor abafante fomos o meu fillo e máis eu ata o monte onde estaba o redil coas ovellas mortas. Era deprimente ve-las. O calor do día fixeraas inchar tanto que ata botaban para fóra as partes das aberturas naturais do corpo. O cheiro era tan intenso que tivemos que saír correndo monte abaixo porque as náuseas eran fortes.


Ao chegarmos á casa varias mulleres viñeron ofrecernos ovellas que estaban triscadas pero aínda vivas e aproveitables, non tiñan dano algún pero, lembrándome do que vira e cheirara no monte non fun capaz de aceptar ningún ofrecemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario