domingo, 30 de agosto de 2015

A escola de Don Pedro

Neste episodio quero rescatar do esquecemento profesional a un mestre que, durante 45 anos, exerceu a súa profesión nunha escola mixta dunha maneira heroica e case en condicións infrahumanas na parroquia de Arnois, dentro do concello de A Estrada.

Chamábase don Pedro Brey Guerra. Era tío avó de Mariano Rajoy Brey, actual presidente do goberno. Dende o ano 1913 ata o 1958 do pasado século exerceu na escola mixta da dita parroquia ao mesmo tempo que a súa dona atendía tamén a escola mixta da Mota a tres quilómetros da súa casa.

As dúas fotos que aquí se expoñen son tan explícitas e tan cheas de información que sobran todos os comentario de texto.

               A ESTRADA RETRATADA
A primeira, diante dunha corte – perdón, diante da casa- escola- Oitenta e un cativiñas e cativiños retratados co mestre en pleno inverno. Boten unha ollada aos pés da primeira fila e as caras cheas de tristura e queimadas polo sol.

Eses mesmos rapaciños dentro do local-escola, na segunda foto. As nenas co pano á cabeza, por motivos culturais naquel tempo e con esa cara de impresionante inxenuidade as da primeira fila, con libros diante delas; libros que non saben ler e que tampouco abundaban naquel tempo. Usaban documentos vellos que o mestre pedía aos pais para practicar a lectura.

              A ESTRADA RETRATADA

Pensemos nas humidades propias deses invernos e no concerto de toses; roucas unhas, agudas outras. Pensemos tamén no pouco aire respirable con tantos rapaces, as emanacións dixestivas nun local case pechado nos duros invernos.

Neste ambiente, nestas condicións, desenrolou don Pedro a súa labor educativa. Seguimos pensando que os resultados deste ensino, por moito esforzo do mestre, serían cativeiros ou case nulos. Pois non. Ao longo da súa vida como mestre colleitou, polos seus méritos no ensino, o ingreso na “ORDEN DE ALFONSO X.

Para maior claridade informativa, copio textualmente un anaco do Boletín da Inspección de Pontevedra co informe da visita á escola no curso de 1921:


“...o ensino encóntrase en estado satisfactorio aínda que dificulte moito a labor do mestre o excesivo número de alumnos e as pésimas condicións do local... inservible para o obxecto, mal iluminado e con mala ventilación, sen patio de recreos nin lavabos nin retretes, cunha sola dependencia de 6,5x3,5x2,5. Cun presuposto total de 2.750 pesetas ao ano, incluído soldo do mestre. Cun número total de 130 alumnos matriculados, sistema mixto, de idades entre 8 e 12 anos; que teñen que recorrer camiñando desde a súa casa á escola 4 km de distancia e que asisten irregularmente á clase porque acoden nos labores do campo...”


Siga pensando, sufrido lector, nesta imaxe mal descrita polo autor; pero impresionante nos dous retratos que aquí se poñen e faga unha semblanza coa imaxe actual dunha escola: mesas individuais, cadernos con bolis para escribir ou debuxar, aparellos electrónicos como axuda. Locais ben iluminados , ventilados e con amplos espazos libres.

Dediquemos tamén un recordo á súa dona, doña Pura – Purificación Álvarez Rico- mestra tamén da escola mixta de A Mota, a tres Km da súa casa. Facía o recorrido nun burro cun cativiño no burro e outro na barriga, dos dez que trouxo a este mundo. Neste recorrido diario entre escola e vivenda facía referencia para as nais da zona coa frase: 

“Correde meniños, que xa pasou a mestra”

No hay comentarios:

Publicar un comentario