sábado, 24 de octubre de 2015

A pizarra

A todo aquel que lea estas páxinas vaille parecer esaxerado que especifique con tanto detalle un obxecto que era de uso cotián na escola, pero detrás deste tema xorden unha serie de anécdotas que lle van agradar ao lector.

Este instrumento básico para as prácticas de escritura lévanos na lembranza a aquel instrumento da Roma clásica, a tábula, taboíña de madeira que se metía en cera derretida e que ao arrefriarse  quedaba cunha capa moi fina na que se podía escribir mediante o stilo.

Tamén queremos aclarar que esta información vai máis ben dirixida especialmente ás dúas últimas xeracións de estudantes que só coñecen como instrumentos de escritura o bolígrafo, o lapis e cadernos, cando non as teclas do ordenador ou as do seu móbil. Para eles vai pois tan polo miúdo este tema.



Os primeiros pasos para a aprendizaxe da escritura dábanse na pizarra. Era unha prancha do mineral chamado xisto de superficie lisa, cor negro, duns cinco milímetros de gordo enmarcada con catro barras de madeira.

Presentábase no mercado en varios tamaños; o maior equivalía ao tamaño dun folio. Completaba o equipo o pizarrillo, unha barra do mesmo material duns doce centímetros de longo. O  pizarrillo deixaba un sinal na pizarra máis claro que o fondo da mesma.

Tiña a vantaxe de que era “regravable” coma agora se di dos CDs e que polo tanto non se esgotaba.

Esta técnica de escribir e borrar recorda á que se practicaba nas antigas escolas romanas. Escribíase co stilo; borrábase cunha espátula pero: co tempo a táboa perdía cera. Metíase de novo en cera derretida e novo caderno.

Como xa dixemos, na pizarra escribíase copiado, ditado, facíanse contas e debuxos. Para borrar o escrito había varios métodos. Detallemos: os máis curiosos. Especialmente as nenas tiñan uns trapiños a modo de esponxa atado na pizarra co que borraban. Pero a maioría usaba a palma da man e se isto non bastaba, unhas salpicaduras de cuspe facilitaban a faena. Pero permítaseme expoñer o sistema máis eficaz e máis rápido: unhas lambetadas, pasadas oportunamente sobre o escrito, deixaban a pizarra limpa e brillante coma unha patena. Teño que confesar que nas miñas experiencias coma escolante aínda recordo este sistema de borrado cando o mestre non miraba para nós. Recordo o sabor áspero do po da pizarra, que se quedaba pegado á lingua ou tamén ver a do compañeiro tinguida  da cor azul deste material.


Pero sigamos co uso da pizarra e do pizarrillo. Este era fráxil ;ao menor golpe  rompía. Non era problema; cos anacos que quedaban seguían escribindo. Pero ás veces eran tan pequenos que apenas cabían entre os dedos. Imaxinen vostedes o esforzo e a tortura que representaba esta faena en rapaciños que podían ter cando menos seis anos.Tamén a pizarra era fráxil e rompía en anacos; pero non importaba.  Cada un deles seguía a ser instrumento de traballo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario