sábado, 31 de octubre de 2015

As lavandeiras



Na actualidade a tan habitual faena do lavado da roupa está tan mecanizada que apenas lle rouba tempo ás nosas amas de casa. Pero retrocedamos cincuenta anos e volvamos a rebobinar unhas escenas para mostrar cómo se facía esta faena nunha remota aldea da Galicia rural.

Tódolos días, ás cinco da tarde, saía da escola, trocaba de oficio e pasaba a visitar aos enfermos. A maior parte deles non ían ao medico se eu non consideraba grave a enfermidade e controlaba sempre o proceso dela. Ao mesmo tempo poñía inxeccións, xeralmente antibióticos que eu mesmo receitaba cando o diagnóstico era moi claro. Por este motivo teño entrado en tódalas casas e a tódalas horas.

Esta facilidade de entrar nas casas foime moi útil para coñecer o modo de vida destas xentes. Xeralmente a cociña-lareira estaba no baixo, coa mesma porta de entrada para as cortes. No sobrado só había unha peza onde durmía toda a familia; non había divisións. Por suposto que o sobrado era tamén paso obrigado do fume da lareira.

Tódalas casas estaban feitas de pedra miúda sen argamasa e no inverno a neve metíase polos buratos das paredes e facía montonciños no chan e nalgunhas poñían paraugas ou farrapeiros. Ningunha casa dispuña de aseos. Polo día, todo o monte facía de aseo . Pola noite a cousa era máis sinxela, levantaban unha tapiña no piso e, postos de cócoras, deixaban caer na corte o que lles sobraba e estorbaba no corpo.

Outra cousa que me chamou a atención era o cheiro inconfundible de roupa sucia e suada. Nestas aldeas de montaña só facían dúas lavadoiras de roupa ao ano: unha en setembro e outra en maio; nas dúas primaveras como dicían eles. O motivo é ben sinxelo, no inverno non era posible lavar polas augas conxeladas e no verán o traballo é tanto que non tiñan tempo para esta tarefa. Escollían estes dous meses que coinciden antes do inverno e antes do verán. Ese cheiro de roupa sucia nas casas fíxoseme tan habitual que podía localizar o lugar onde a gardaban . Habendo tanta roupa amontoada era necesario que dispuxeran de abundantes mudas. Alí a riqueza dunha casa medíase, ademais das terras e do gando; polas mudas ou brancura de que dispuñan Era frecuente que unha moza levara como dote ata quince mudas no seu equipo de voda

Tiven ocasión de presenciar unha faena de lavado. Facíase colectivamente no río. Como non usaban nin coñecían xabón, dispoñían dunhas herbas que había na beira do río. Despois de queimalas aproveitaban a borralla para a bogada. Era admirable ver trinta ou corenta mulleres lavar na roupa, facendo bogada tras bogada e poñéndoa a clarexar, que boa falta lle facía. E así ata outra primavera.

No hay comentarios:

Publicar un comentario