domingo, 18 de octubre de 2015

Coñecemento das xentes


Durante corenta anos estiven integrado no mundo do ensino e dediquei a el todos os meus esforzos en xornadas de traballo que, durante moitos anos, eran de nove horas diarias.

Ademais das horas de escola e das dedicadas á familia aínda me quedaba moito tempo para o trato social coas xentes das zonas rurais. Gustábame moito falar con elas, escoitar as súas penas, os seus contos, as súas historias reais ou imaxinarias –as súas batalliñas.

Delas aprendín a ser reflexivo, a darlle valor real ó tempo, a ser humilde poñéndome ó seu nivel cultural e non caer no vicio de falar maxistralmente. Tamén aprendín deles a usar o  escaso vocabulario que manexan estas xentes para darlle sentido completo ás frases.

Admirábame que, cos poucos medios de vida e as escasas comodidades, vivían, eran felices, criaban familias e a especie humana perpetuábase coma en tódalas partes.

De todo isto quero deixar constancia nestes relatos tendo en conta que asumo a actitude dun mestre de aldea que, como simple espectador, vai narrando o seu entorno humano tal como o ve.

Tomo a posición dun mestre que, como traballador do ensino, ten ó seu cargo un grupo de nenos que están aprendendo un oficio, o oficio da vida, oficio que reporta o coñecemento de certas técnicas de cálculo matemático e o dominio oral e escrito da linguaxe como medio de expresión. E como complemento destas técnicas unha adquisición de coñecementos culturais necesarios para integrarse no mundo actual.

Neste relato son o protagonista, o que imparte coñecementos dentro dunha colectividade: a escola. Pero son un simple espectador da vida social do pobo onde vivo. E como simple espectador recollo as súas alegrías, penas, desexos, fracasos. Dou conta das súas anécdotas, das súas historias, pero dándolles un matiz crítico, axeitado ou non.

Despois de moitos anos de deixar o ensino por xubilación, é para min moi doado escribir este relato pois vense como feitos pasados todas estas historias reais ou imaxinarias sen ningunha actitude de noxo, rancor, ledicia, aínda que quede un repouso de melancolía que sempre sae a flote cando se recordan feitos pasados. Cando releo estas cuartillas unha profunda tristeza  invádeme e as bágoas esbarran  quentes, salgadas, ata os meus beizos.


Posiblemente a xubilación sexa considerada por moitos  como final dunha vida. Penso que iso pasa porque non souberon prepararse para esta etapa. Etimoloxicamente, xubilación quere dicir xúbilo, ledicia. Supoño  que será no sentido de que xa entón se deixará de gañar o pan co suor da fronte, como etapa de descanso. Para min, a xubilación foi motivo de ledicia pois deixei de estar sometido a un horario, a unha tarefa obrigada e controlada por un superior ou pola sociedade.   Xa deixou de haber tarefas obrigadas. Gústame traballar, tal vez polo meu temperamento bulideiro, pero sen obrigación, gústame traballar con estes condicionantes: traballar no que quero, canto quero e onde quero Así é doada e leda a xubilación. Non é así?

No hay comentarios:

Publicar un comentario