domingo, 5 de julio de 2015

A Banda de música do Silleiro



A Comisión de Festas  da Virxe dos Aflixidos contratou a banda do Silleiro para tocar na festa da súa  Patroa. O trato era que, pola mañá darían un pasarrúas  ata a casa do Sr. Cura; na misa tocarían o himno galego no momento da consagración. Despois da misa, o tradicional concerto na carballeira e pola tarde festa rachada de música bailable para rematar antes da noite pecha para que as mozas poideran voltar ás súas casas sendo aínda de día. Non estaba ben visto que as mociñas andivesen por eses mundos de Deus sen que a luz do día as protexera contra aproveitados e malas linguas.

Pero a Comisión de Festas non quería unha charanga, quería honrar a súa Santa cunha banda completa de vintecinco números.

Mal como pudo o director foi buscando entre os homes da aldea aqueles que podían tocar un instrumento e ó mismo tempo conquireu traxes para estes números. Pero faltaba un para completar o equipo completo de vintecinco.

Lembrouse entón de Xé de Orosa, rapazote de vinte anos que se adicaba a carreteiro desde neno. Doulle un traxe completo e púxolle na man un bombardino e antes de empeza-la festa explicoulle o que debía facer.

- Ti tes que facer que soplas coma os demais; de vez en cando volteas o instrumento, daslle ás teclas remedando que baldeiras o cuspe  pero que nunca saila nin una sola nota do bombardino, senón escarállote.

Todo foi ben durante o pasarúas e na igrexa. A banda do Silleiro soaba ben e os silencios de Xé soaban aínda mellor.

Chega a hora do concerto

Empeza a banda con pezas de música  clásica para iren pasando a compases galegos máis movidos e máis sinxelos.


A xente aplaudía ó remate de cada peza e o noso amigo Xé de Orosa botaba o peito para adiante coma se fora o mellor número de conxunto. Co bombardino pegado ós beizos, as meixelas hinchadas e co seu corpo levando os diferentes compases da peza.  Cos ollos en blanco miraba fixamente para a partitura. Nas pausas, voltaba o instrumento e tecleaba rápidamente simulando o baldeirado da saliba.

Os festeiros que escoitaban o concerto felicitaban  á Comisión polo acerto de contratar unha boa banda.

Entre estes festeiros estaba un invitado de fóra, deses que lles gosta escoitar música aínda que nada entendan, deses que se meten dentro do conxunto e seguen coas mans os compases da peza e van entonando coa voz os diversos aires.

Cando ve ó mozo do bombardino seguindo co seu corpo os compases da partitura, gustoulle o xeito e púxose  ó seu caron para escoitalo mellor.

Aquí empezaron os problemas de Xé

 Os silencios do seu bombardino ían descubrir o engano. O aficionado acercouse ó instrumento e puxo o oído na súa campá.

Pero o noso amigo Xé era home de recursos. A peza que estaban tocando era un pasodoble galego  ós que se lle pode acomoda-la letra de calquer copla.

Cando o sufrido Xé se encontru co mirón e escoitón pegado ó bombardino apreta a boquilla contra os beizos, hincha as meixelas e ponse a cantar cos beizos moi apretados: “eu queríame casar, miña nai dime que é cedo...”

A banda sonora –Quero decir, os demais músicos– atacan con forza os compase da melodía e Xé fai soar tamén o seu bombardino, é  decir, os seus beizos con outra copla: “o cura chamoume Rosa, eu tamén lle respondín...”

O Sr festeiro que estaba escoitando en actitude moi concentrada ó noso músico facía xestos de asentemento e aprobación e seguía  decote co oído achegado ó instrumento.

Terminado o concerto todos voltan para as súas casas onde lles espera un bo xantar, deses xantares abondosos que queren facer esquecer a fame acumulada durante o ano.

Xa pola tarde, cando empeza a música bailable e durante un descanso dos músicos, o noso mirón e escoitón busca ó director da banda para felicitalo e dunha maneira especial faille referencia a ese número do bombardino que estivo escoltando durante todo o concerto do mediodía.
                  
- Nunca oín –comentáballe o aficionado– poñerlle tanta emoción e realidade a unha peza musical. Tan ben interpretaba a partitura que ata facía falar ó instrumento.

O director, retranqueiro e socarrón él, dándose conta da inxenuidade do pobre aficionado, quixo remata-la faena e contestoulle con moita seriedade:

- Iso que ti dis é moi certo e xa vexo que tes bo oído; pero ten en conta que ese músico do bombardino é o mellor elemento que temos na banda e se nos faltase perdería moito o conxunto.

1 comentario: