viernes, 10 de julio de 2015

O Boticario

Este pobo pertence ó concello de A Veiga, seiscentos metros máis abaixo. Alí ía algún día de feira. Dúas horas a pé ou unha a cabalo. Se o tempo era bo e os días grandes quedábame conversando con meu amigo o boticario. Gustáballe moito parolar mentres a súa muller despachaba algún que outro xarope na tenda. Teño pasado tardes moi gratas escoitando os seus contos, historias, anécdotas que reflectían o saber popular daquelas terras, da súa cultura, das súas inquedanzas.Quero poñer aquí só un conto que ten relación coa súa profesión de boticario.

Hai moitos anos eran os boticarios os que preparaban os medicamentos seguindo as instrucións dunha receita que médico lles daba ós enfermos. Mesturas de herbas e pos que o boticario collía duns botes moi bonitos que estaban colocados nunhas álcenas. Imos pois contar o que lle sucedeu a Don Manuel, o pai do boticario.
              Farmacia de Baltar (Padrón)

Un paciente preséntalle unha receita para que preparase un medicamento a base de sales mercuriais para unha enfermidade dun mal vergoñoso. Era ben sabido polos boticarios que as sales mercuriais son moi malas de mesturar. Don Manuel, por comodidade ou por preguiza, chamou ó rapaz da criada para que remexera no matraz as devanditas sales.

- Mira Xosé - dille o boticario - ti dálle e remexe ben ata que eu che avise.

Foise para a trasbotica a segui-la partida de tute que tiña comezada co crego e co mestre da vila.

Despois dun anaco chega o rapaz preguntando:

- Don Manuel, ¿xa estará esta mestura? –preguntou o rapaz despois dun anaco.

O boticario, para que non lle dese a lata, díxolle que debía remexela ata que cheirase a allo.

O rapaz, con novos folgos, voltou para a adega e, dálle que dálle e remexe que remexe, pero...de cheiro a allo, nada. A súa nai, que andaba a voltas coa limpeza da casa, preguntoulle por que lle daba tanta remexedura a esa mestura. O rapaz, desconsolado, contoulle a historia do allo.

- Cala, home, cala - dille a súa nai - que iso é moi doado, Agarda un pouco que agora cho arranxo , xa verás ti que axiña rematas. 

Foi á cociña e botou un dente de allo no matraz sen que o seu fillo se decatara.

Este, con máis ánimos que nunca, voltou á remexedura e, naturalmente, empezou a mestura co cheiro do allo. 

- Don Manuel, Don Manuel, isto xa está preparado, mire como cheira a allo -Correu entón moi ledo o rapaz coa nova a Don Manuel

O boticario colle o matraz, ponse a cheiralo con calma e, decatándose da xogada da criada, dille ó rapaz:

- Moi ben, rapaz, isto xa case está preparado, só falta un pouquiño. Ti agora remexe ben forte ata que deixe de cheirar a allo e -mirando para a nai, continuou- se te cansas que che axude túa nai.

1 comentario: