viernes, 17 de julio de 2015

A imaxe da Santa

Entre as crenzas relixiosas que teño observado, a que máis admiración me espertou foi a fe inxenua que os veciños tiñan nunha imaxe da Virxe que agora non me acorda a que advocación estaba dedicada.

A devandita imaxe tíñana colocada nunha fornela de madeira. Era igual que esas imaxes da Virxe ou dos santos que nesta terra a xente devota tena por quendas nas casas, ás que se lle rezaba, pedía grazas e botábaselle esmola. Só que estaba unicamente na casa de Xe de Orosa, situada no máis alto da aldea e con fiestras ós catro ventos.

O pobo tíñalle confiado a Xe de Orosa a misión de coloca-la imaxe na fiestra por onde se acercaba unha tormenta. A familia era moi meticulosa nesta tarefa e ó mesmo tempo era para eles unha obriga inescusable, por este motivo a súa casa quedaba libre dos servizos que os veciños prestaban á comunidade.

Para que colocaban esa imaxe cando ameazaba tormenta?... Pois moi sinxelo: Dicían que a Virxe facía o milagre de desface-la tormenta cando esta caía sobre a aldea, sendo así que en lugar de lostregar, tronar e sarabiar, todo quedaba en choiva máis ou menos forte. Para eles era a cousa máis natural do mundo e tíñano por un fenómeno máis que estaba mediatizado e regulado pola Virxe a través da súa imaxe.


A cousa sucedía así: ó acercarse unha tormenta, ou cando estaba xa sobre a aldea, as portiñas da fornela pechábanse milagrosamente e a vela que estaba ó lado non se apagaba por moi forte que soprase o vento. Como dixen antes, todo quedaba en choiva sen causar outros danos.

Na miña estancia, durante dous anos na aldea, ocorreu de todo: temporais de choiva e de neve, treboadas de lóstregos e tronos, sarabias que rompían as lousas dos tellados e campos arrasados polo pedrazo. Non sei cal foi a causa deste fallo, se foi a Virxe, se foi Xosé de Orosa que se esqueceu de poñe-la imaxe na fiestra adecuada cara á tormenta. Nunca cheguei a indagalo.

Unha vez fixen comentarios sobre a inxenuidade destas crenzas do pobo. Por mor das miñas manifestacións tiven problemas de convivencia con eles e sobre todo a inimizade eterna de Xe de Orosa.

Desta experiencia aprendín a non meterme nunca coas costumes ou crenzas das xentes e dos pobos, pois ninguén está en posesión da verdade e cada cal ten dereito a pensar como lle apeteza. A min tocábame non ferir esas crenzas e respectalas aínda que non as compartise.

No hay comentarios:

Publicar un comentario