miércoles, 5 de agosto de 2015

Os castigos na escola

Quero facer aquí un relato do sistema do control que se usaba na escola para manter unha disciplina indispensable en todo o proceso educativo dunha colectividade de vinte, corenta, ata oitenta rapaces con idades que oscilaban entre os seis e catorce anos. Tratemos pois o tema dos castigos corporais ou correctivos, que soa máis fino.

Non nos rachemos as vestiduras: o castigo corporal noutros tempos era norma corrente na escola para impartir coñecementos ou corrixir desviacións.

Recordemos o rexeito de Sancho Panza arecibir tres mil y trescientos azotes  en ambas y salientes posaderas” para desencantar a Dulcinea.  Le responden que:”pero hacer caso de tres mil y trescientos azotes quen no hay niño de la doctrina que no los lleve cada mes”.
                
Claro que na miña escola tamén se aplicaban castigos corporais, coma na de todos os mestres da miña xeración e anteriores. Así mesmo tamén os recibín na miña etapa como escolante.



Coido que nunha revista profesional lera unha estatística sobre os castigos na escola O resultado dicía textualmente: o 85% admite que pegaban ós rapaces e o 15% minte.

Estes “estímulos” (vaia esta nova acepción para non repetir tanto a palabra castigo) eran pedidos, consentidos e aceptados polos pais e pola sociedade en xeral.
                  
Vaiamos ás miñas experiencias:

Se un rapaz recibía un castigo na escola, tiña bo coidado de ocultar este feito ós seus pais, pois se o chegaban a saber, dobrábanlle a malleira. Máis aínda: era moi corrente que a presentación dun novo alumno ó mestre ía seguido coa recomendación de: “vostede málleo, pois élle moi malo” E tamén era habitual que os pais, dende que os rapaces tiñan uso de razón, pospoñían os castigos para cando fose á escola coa tan consabida frase: xa che poñerá dereito o mestre e xa te fará bo. Desta maneira aprazaban os castigos para que os aplicase o mestre.

Concretemos: o cativo xa ía asimilando desde moi pequeno que a escola no era un lugar para aprender cousas senón que era un sitio onde se lle aplicarían os castigos que tiña pendentes de seus pais e os que merecese durante a estancia na escola, é dicir, a escola sería para el un lugar de tortura e así se mentalizaba.

Supóñanse, señores lectores cal sería o estado de ánimo dun neno cando seu pai ou a súa nai o levaba  por primeira vez á escola.


Aínda agora, despois de case trinta anos fóra do ensino, teño gravada a imaxe do neno que me mira con ollos asustados no primeiro día da escola. Moita paciencia e moito cariño precisaba para encaixar o estado emocional deste neno dentro da unidade  escolar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario