sábado, 1 de agosto de 2015

O Sr. Agustín

O Señor Agustín era un pozo de ciencia. Estaba dotado dunha grande intelixencia natural e admirábame como, coa súa carencia de vocabulario e falta completa de preparación ou formación cultural, era capaz de enfrontarse na conversa con moitos temas de difícil expresión.


Eramos veciños de porta e, nas longas noites de inverno, viña para a miña casa a compartir soidades. Era unha delicia escoitar a súa maneira de narrar cun estilo sinxelo, fluído. Contaba a súa vida, as súas andanzas, as penas,  as angustias...


Como tódolos vellos durmía pouco. Contábame que lle producía moita angustia cavilando nas longas noites de insomnio o lento transcorrer do tempo. Dicía do sono:

Unha hora dorme o galo /
dúas o cabalo /
 tres o santo /
catro o que non é tanto /
cinco o estudiante / 
seis o camiñante /
sete o teatino /
 oito o pelengrín / 
nove o cabaleiro /
dez o maxadeiro /
once o mociño e doce o borracho

Era un pequeno filósofo e sempre falaba por sentencias, frases tópicas ou refráns. Era raposeiro, cazurro e moi tiránico coa súa familia. Unha vez rexeitou a un mozo que quería casar coa súa filla Manela. O mozo viñera de Cuba e dis que traía moitos reais. O día que veu trata-la voda cos seus futuros sogros, sentados todos no escano da lareira, o mozo sacou dous puros, un para o sogro e outro para él. Meteu a man no peto e sacou unha caixa de mistos para prende-los puros. Ó día seguinte o pai dille á filla: do casadoiro, nada; pois é un home gastador. Se había lume na lareira, ¿Para qué tiña que gastar un misto?

Dicía da muller: se o home malla  á muller cun pau e a muller cunha palla; gaña a muller.

O día do patrón da parroquia, un neto pídelle uns patacóns para ir a festa. O avó, cheo de noxo, dille:

-  ¿Non comiches ben,? ¿Non bebiches ben? Logo, ¿para qué queres os cartos?

Pero ó final, dálle unha peseta:

- Toma, rapaz; pero ¡que non vexa nin sol nin lúa!

No hay comentarios:

Publicar un comentario